Sinsal Outono 16 trae a Vigo a Kolars e Will Samson en novembro
A clavecista María del Mar Blanco Moreno entra na cámara semianecoica de Telecomunicacións o 24 de outubro
Arrecende a outono en Vigo e Sinsalaudio promove a música en directo nalgúns espazos singulares da cidade. Sinsal Outono 16 Vigo incluirá 4 actividades: 2 sesións na cámara semianecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, 1 concerto na biblioteca da EMAO e 1 no Museo MARCO. A clavecista María del Mar Blanco Moreno, o británico Will Samson e o dúo estadounidense Kolars son os nomes desta edición.
O mércores 24 de outubro a profesora e concertista María del Mar Blanco Moreno entra na cámara semianecoica de Telecomunicacións en dúas sesións, 15:30 e 16:30. En colaboración coa Orquestra Clásica de Vigo, será unha experiencia única, escoitar a esta intérprete que, tanto no piano como no clave, como solista ou formando parte de grupos de cámara, é unha virtuosa que tamén destaca no ámbito da música contemporánea. A cámara semianecoica é un espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas. Unha sala na que practicamente non hai eco nin reverberacións. Os músicos que até agora participaron nesta experiencia destacan o silencio, a percepción multiplicada e, polo tanto, o coidado e a adaptación que requeriu a actuación en directo.
María del Mar Blanco Moreno é na actualidade profesora de clave no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Para poder participar como público, hai que inscribirse en [email protected]
Nas sesións anecoicas, no mesmo horario e co mesmo procedemento de inscrición pero o día 14 de novembro, tamén participa o británico Will Samsom que camiña entre a electrónica, experimental e o acústico, facendo uso tamén de vellas gravadoras e dispostivos analóxicos. Tras o seu paso pola cámara semianecoica, o xoves 15 de novembro dará un concerto na marabillosa biblioteca da EMAO, con aforo reducido, ás 20:15 h.
Os estadounidenses Kolars darán a súa primeira xira española o próximo mes de novembro, con concerto o sábado 10 no MARCO de Vigo ás 20:30. Un tour cun directo ben fogoso, que pasará por seis cidades. Kolars é un dúo de Los Ángeles formado polo matrimonio que compoñen Rob Kolar e Lauren Brown. A comparación, o recordo e a vibración a The White Stripes pode que estea entre o primeiro que se vén á cabeza ao escoitalos, aínda que, se ben o son parido por esta parella vai por esa senda, tamén poden ser relacionados con The Black Keys do principio, pero nun ton máis despreocupado. Algunhas das etiquetas que lles puxeron: desert disco, glam-a-bill, rockabilly-dance, dancebilly, space blues.
Programación
Sesións anecoicas
24 de outubro: María del Mar Blanco Moreno (En colaboración coa Orquestra Clásica de Vigo)
Escola de Enxeñería de Telecomunicacións, Universidade de Vigo, 15:30 e 16:30
Inscrición en [email protected]
14 de novembro: Will Samson
Escola de Enxeñería de Telecomunicacións, Universidade de Vigo, 15:30 e 16:30 h. Inscrición en [email protected]
Concertos
10 de novembro: Kolars (Museo MARCO. Vigo), 20:30 h
15 de novembro: Will Samson (Biblioteca da EMAO, Vigo), 20:15 h
Entradas con descuento para los conciertos en: EntradasGo